A sentenza que presentamos hoxe é unha sentenza do Tribunal Supremo que resolve un recurso de casación contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. O recurso foi interposto pola Avogacía do Estado contra o Concello de Requena (Valencia) sobre unha base fáctica moi simple, o citado concello recibiu unha subvención con cargo aos fondos FEDER, dita subvención tivo un exceso de algo máis de douscentos mil euros que o concello debía reintegrar polo que a Administración Xeral do Estado inicia un expediente de reintegro en 2019. Con todo, a entidade local entende, e así llo recoñecen as sentenzas de instancia, que o día a partir do cal se debe empezar a contar o prazo de prescrición é o día da data da certificación final do gasto en 2013 polo que a acción de prescrición de catro anos tería vencido en 2017.
Pola súa banda a AGE sostén que o dies a quo do prazo prescritivo non comeza ata que non se pecha definitivamente o Programa Operativo, pois só nese momento é posible á Administración do Estado coñecer a canto ascende o gasto elixible, e polo tanto, iniciar no seu caso o procedemento para a recuperación das axudas anticipadas en exceso.
Finalmente, o Tribunal Supremo dá a razón ao concello ao sinalar que o dies a quo a partir do cal debe empezar a contar o prazo para o exercicio da acción de reintegro é similar ao establecido para os casos en que se cometeu unha irregularidade, xa que o feito de percibir unha cantidade maior da debida con cargo ao Programa Operativo do FEDER pódese considerar, dunha forma ampla, unha irregularidade a ollos do dereito europeo.
Espero que vos sexa de interese e utilidade esta sentenza que pode marcar na práctica a dinámica e condicións de futuras convocatorias europeas.
No Comment! Be the first one.