O pasado xoves presentouse na sede do INAP en Madrid a monografía “Nuevos tiempos para la función pública. Propuestas para atraer y desarrollar el talento en la Administración general del Estado”. Os autores deste libro, todos eles Técnicos Superiores da Administración Xeral do Estado, realizan un minucioso estudo da situación das principais cuestións que afectan a función pública dentro da Administración Xeral do Estado.
Os principais eixos de análise do libro se centran en selección, carreira profesional e directivo público profesional.
No que respecta á selección, poñen de manifesto o ineficiente e ineficaz que resultan os métodos seguidos actualmente para realizar unha axeitada política de recursos humanos para a Administración. A selección dos funcionarios que deben aplicar e moverse no século XXI responde a normas e técnicas deseñadas no século XIX.
Respecto da carreira profesional avogase pola definición dos postos de traballo máis alá das relacións de postos de traballo que non son o instrumento que require unha administración moderna e eficiente. De feito sinalan a inexistencia dunha auténtica política de recursos humanos que permita facer unha xestión do capital humano no sector público.
A figura do directivo público é obxecto de análise sobre todo en relación ao que puido ser e non foi. Logo da entrada en vigor do EBEP, esta figura non foi que de suscitar o interese para o seu desenvolvemento e implantación.
Durante todo o traballo, póñense constantes exemplos en todos os ámbitos de melloras que se poden realizar e que funcionaron noutras administracións da nosa contorna, con casos como o de Portugal onde cambios lexislativos permitiron unha maior profesionalización da dirección pública.
En definitiva, aínda que o libro se refire específicamente a administración central, prácticamente todas as propostas e análises poderían trasladarse á administración autonómica, coa conclusión de que o noso país está a quedar atrás no que a modernización da súa administración.
Podes consultar unha reseña da obra máis completa realizada polo profesor Jiménez Asensio na seguinte ligazón.
No Comment! Be the first one.