A Asociación de funcionarios de carreira do Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia constitúese como unha asociación de profesionais de carácter independente e apolítico que quere ser un factor clave na mellora do sector público autonómico e no servizo ao interese xeral, con base nos seguintes principios de actuación:
– Proclamar o carácter neutral e profesional desta asociación, que acolle como obxectivo a defensa do respecto destes valores na administración e na actuación dos empregados públicos.
– Defender o papel dos empregados públicos e, en particular, do Corpo Superior de Administración, como elemento de estabilidade institucional e como fundamento da continuidade e a cohesión da acción pública na sociedade.
– Constituírse en interlocutor coa Administración na defensa dos intereses e dereitos do Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, co fin de acadar o seu posicionamento eficaz ao servizo do interese xeral.
– Visibilizar o papel de liderazgo que o Corpo Superior de Administración ten na xestión pública autonómica e acadar o recoñecemento dos seus membros, e de todos os empregados públicos, como un activo fundamental para incrementar a calidade e a mellora continua na xestión pública.
– Poñer en valor as carreiras, a cualificación e a condición de expertos dos seus membros en variadas materias dentro e fora da administración autonómica.
– Crear un foro libre de opinión e encontro no que todas as persoas que pertencen ao Corpo Superior de Administración poidan reflexionar e colaborar activamente no futuro do colectivo dentro da función pública de Galicia, así como acadar unha mellor formación e fomentar iniciativas que beneficien a transferencia de coñecementos.
– Promover de forma directa actividades de formación adecuadas ás funcións que realizan os funcionarios do Corpo.
– E, finalmente, habilitar un entorno que facilite a comunicación con corpos superiores análogos para estimular a colaboración e o fomento de iniciativas comúns que beneficien ao conxunto.
[…] Ideario […]