O pasado luns, día 16 de decembro de 2013, 25 anos despois da creación do Corpo, constituíuse a ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE FUNCIONARIOS DO CORPO SUPERIOR DE ADMINISTRACIÓN DA XUNTA DE GALICIA.
O acto de constitución tivo lugar no salón de actos da EGAP, comezando ás 17.20 h. Os promotores da Asociación fumos expoñendo a visión de Asociación que propoñemos, a posibilidade de integración en FEDECA (Federación de Asociaciones de los Cuerpos Superiores de la Administración Civil del Estado), así como os puntos principais dos Estatutos, informando tamén que os promotores asumimos o compromiso de constituírnos en Xunta Xestora, aos sós efectos de levar a cabo os actos necesarios para a inscrición e posta en marcha da Asociación e a convocatoria da primeira Asemblea Xeral, na que se elixirá a primeira Xunta Directiva da Asociación.
Na rolda de intervencións dos asistentes fixéronse importantes e positivas suxestións e puntualizacións, a estudar pola Xunta Xestora, sobre a posible conveniencia de que a cobertura legal fose a Lei 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, e non a Lei orgánica 1/2002, comprometéndose a Xunta Xestora a estudar novamente a cuestión a efectos de asegurarse que, con esta natureza, poden emprenderse igualmente accións de defensa de intereses profesionais e integrarse en FEDECA, xunto a outras asociacións creadas ao abeiro da LOLS ou, a proposta aceptada, de repensar o acrónimo proposto “AgrupA”, pospoñendo a súa determinación final á próxima Asemblea, e abríndose un período no que se recollerán suxestións por parte de calquera asociado.
A preguntas dalgún dos asistentes respondeuse que está previsto a fixación dunha cota anual entre 20 e 40 euros, na liña doutras asociacións análogas. A contía exacta será fixada pola Asemblea e dependerá de que se decida a integración en FEDECA, xa que esta implica aportar 10 euros por asociado para FEDECA.
Tamén se manifestou o compromiso dos promotores de presentar candidatura para formar a primeira Xunta Directiva. Non obstante, os promotores manifestamos o noso desexo de que haxa máis candidaturas e máis exposición de ideas e achegas de todos os asociados.
A petición dunha compañeira, o secretario leu a acta de constitución da Asemblea.
Finalmente quedou constituída a Asociación coa sinatura da acta e dos Estatutos polos promotores e o preceptivo reparto dos cargos na Xunta Xestora:
Presidenta: Marta Vázquez Sanjurjo
Vicepresidente: Pablo Amenedo Bermúdez
Tesoureiro: Iván Meléndez Medela
Secretario: José Carlos Fagín Taboada
Vogais: Sergio Domingo Baamonde Boquete, Lourdes Ledo Moure, Juan Carlos Pernas Maques e Manuel Vila López.
Acto seguido foron recollidas as primeiras adhesións, comprometéndose así mesmo a Xunta Xestora a colgar no blog e enviar a todos aqueles que xa o solicitaran ao correo de cosposuperior@gmail.com o formulario de solicitude.
Este acto de constitución foi o primeiro dunha serie de fitos que culminarán coa elección dunha Xunta Directiva ao longo do primeiro trimestre e 2014.
Dende a Xunta Xestora queremos agradecer a todos os asistentes á asemblea constitutiva o interese mostrado e o esforzo realizado por impulsar este proxecto.
E, así mesmo, animar a todos aqueles que non asistiron, a solicitar a inscrición na Asociación para poder participar na toma de decisións e na conformación do futuro da Asociación profesional do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.
No Comment! Be the first one.